lunes, 17 de agosto de 2009

Estación de anelamento de Castrillón


A estación de anelamento científico de esforzo constante de “Castrillón” nace para estudar a evolución da comunidade de aves da campiña galega. A estación atópase nunha área rural próxima o casco periurbano do concello de Cangas, Pontevedra.



A área de estudo atópase nunha zona con aproveitamento agropecuario onde predominan os viñedos, mesturados cun bosque de ribeira e carballeiras exiguas, así como zonas de matogueira resultado do paulatino abandono da actividade agrícola.

Planéanse unha serie de obxectivos prioritarios a alcanzar co estudo:

1) Realización dunha mostraxe de anelamento científico polo método de estación de esforzo constante.

2) Aportar datos sobre a fenoloxía (reprodución, muda, migración e invernada) dos paseriformes presentes no lugar.

3) Obter datos sobre a abundancia temporal e unha estima da abundancia de paseriformes que utilizan o espazo.

4) Obter información da biometría, condición física, idade e sexo das aves.

5) Analizar a selección do hábitat e o uso da área polas distintas especies de aves.

6) Estudar a dinámica poboacional, e a evolución das especies de aves da campiña galega a longo prazo.

7) Estudar o impacto do anelamento científico de aves silvestres.


Este último fin de semana realizouse a terceira xornada de anelamento en Castrillón correspondente o mes de agosto.

Un total de 39 aves (9 especies) foron capturadas para a súa marcaxe:

1) Carriza (Troglodytes troglodytes): 1 ave

2) Paporrubio (Erithacus rubecula): 7 aves

3) Merlo (Turdus merula): 3 aves

4) Folosa amarela (Hippolais polyglotta): 2 aves

5) Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala): 3 aves

6) Papuxa picafollas (Sylvia borin): 1 ave

7) Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla): 20 aves

8) Picafollas musical (Phylloscopus trochilus): 1 ave

9) Estreliña riscada (Regulus ignicapilla): 1 ave



Paporrubio (Erithacus rubecula), idade EURING 4 (terminoloxía de determinación da idade segundo o código EURING, neste caso 4 significa ave de idade descoñecida pero que naceu antes do ano actual. Adulto), en plena muda postnupcial.



Paporrubio (Erithacus rubecula), idade EURING 3 (ave de idade coñecida, ave de primeiro ano. Xuvenil), realizando a muda postxuvenil corporal.



Folosa amarela (Hippolais polyglotta), idade EURING 4, especies migradora transahariana, reprodúcese na área de estudo.



Papuxa picafollas (Sylvia borin), idade EURING 3, especie de hábitat forestal e transahariana, en Castrillón observase nos períodos migratorios.

Os aneladores participantes foron: Manolo Alonso Alonso, Sol Enriquez Paredes e Alberto Pastoriza Barreiro (Grupo de anelamento ANDURIÑA).


Un saúdo.



No hay comentarios: