jueves, 17 de mayo de 2012

130 alumnos ourensáns celebraron o día Internacional das Aves Migratorias na Aula da Natureza do río Miño



Na primeira quincena de maio 130 alumnos achegáronse á aula da natureza do río Miño en Ourense para celebrar o día Internacional das Aves Migratorias da PNUMA. Esta actividade desenvolvida pola Concellería de Educación do concello de Ourense e coordinada por Luis Herminio Amigo responsable de educación ambiental do devandito ente local.


As actividades consistiron en charlas de identificación de especies e observación no campo, acompañadas de actividades de marcaxe de aves silvestres.


Adxunto a presentación en powerpoint que realizamos durante as actividades desenvolvidas na aula da natureza do río Miño, nocións do anelamento de aves silvestres, impartido para os alumnos ourensáns (Tedes máis presentacións no seguinte enlace).



Grazas a Luis Herminio Amigo e a Raúl Fernández por contar coa nosa humilde colaboración.

Un saúdo.

martes, 1 de mayo de 2012

Os primeiros poliños de píllara das dunas do ano 2012 (Actualización 12/05)



O pasado día 30 de abril naceron na praia de Nerga, Cangas (Pontevedra) os primeiros poliños de píllara das dunas.


A situación da poboación da píllara das dunas en Galicia é bastante fráxil, cunha poboación reprodutora exigua estimada en 66-72 parellas (Figuerola, J. et al., en Libro rojo de las aves de España, 2004), o que provocou a súa inclusión como “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, Decreto 88/2007 do 19 de abril. A principal ameaza deste limícola é a forte presión que soporta o seu restrinxido hábitat de reprodución polos usos recreativos das praias na época primaveral e estival, as actuacións de mantemento das mesmas, así como a destrución da vexetación da duna (en especial a da primeira liña da praia).





Dende o ano 2005 temos constatado a presenza de exemplares desta píllara no areal de Nerga (O Morrazo). As observacións producíronse a partir de finais de abril, coincidindo co período reprodutor da especie (abril-xullo), obtendo rexistros de cría confirmada nos anos 2005 e 2008, ambos con resultado de abandono do niño, trala posta.

A píllara aniña en pequenas depresións da area na zona alta da praia, entre a ladeira do primeiro cordón da duna e o nivel do mar en preamar, faixa onde se acumula a máxima presión por molestias causadas pola afluencia de visitantes ao areal (bañistas, paseantes, …), especialmente nos períodos de preamar. Son principalmente estas molestias, así como a entrada no areal de visitantes con cans a causa do fracaso reprodutor desta especie no areal Nerga.


ACTUALIZACIÓN: Hoxe (12/05) publicamos a localidade de nidificación desta especie ameazada en O Morrazo, pois xa non existe risco para o niño nin para os poliños.

Agradecer a tódalas persoas que visitaron o areal de Nerga e atenderon as nosas explicacións evitando molestar a parella de píllara. ¡Gracias pola vosa comprensión e colaboración! Tamén agradecer ao Servicio de Conservación da Natureza de Pontevedra a súa implicación na custodia do niño e da parella de píllara.

Moitas grazas por todo!!

Un saúdo.