sábado, 30 de mayo de 2009

Gran Canaria, 1ª Parte: Zona Norte e Macizo central


Ese gran pequeno continente poboado de Canariones, tan diversa en clima, xeografía e flora e fauna que fai falla visitala para sorprenderse de cómo nunha mañá, podes visitar unha zona de vexetación selvática (estilo Galicia) a unha zona árida (estilo Almería). A miña visita á Illa durou uns 20 días (20-02 ata 11-03), e durante este período de tempo podo presumir en que visitei case que tódolos recunchos con algún valor biolóxico e paisaxístico.



Gran Canaria non defraudará o visitante naturalista, pero iso si, prepararvos para sentirvos como “Sardiñas en lata”, e se atopades a sinal que vós mostro arriba, aproveitade!! Por aí é zona libre de turístas.



A zona norte, e ascendendo en altura (500-1200 m) é o lugar do Monteverde, trátase dun bosque ombrófilo e denso, propiciado polo mar de nubes e a choiva horizontal. Nesta zona atopámonos co Parque Rural de Doramas que alberga os últimos recunchos do que foi a ampla Selva de Doramas da que na actualidade queda 1% da superficie orixinaria.



O Barranco Oscuro e o Barranco de la Virgen, así como, Os Tilos de Moya son os lugares que mellor conservan os vestixios desta antiga selva (a sensación de sentirte en Galicia e indescritible, a vexetación é idéntica!!!).




Nun dos recunchos da antiga Selva, aconteceume a mellor anécdota da viaxe… Cando estaba absorto na contemplación do interior da vexetación do Monteverde e preto dunhas vivendas do concello de Teror… Asombrado pola semellanza coas nosas Carballeiras galegas, comezo a escoitar unha cantiga que se me facía coñecida… Despois dun intre de morriña, chego á conclusión de que se trata da cantiga “Vaite lavar porcona, vaite lavar...” nun perfecto castelán e acompañada dunha Bandurria. Incrible!!!





A zona de piñeiral (600-1900 m) composta pola especie de Piñeiro canario, ocupa unha ampla parte do macizo montañoso central (a meirande parte destes Piñeirais son o resultado de repoboacións forestais). Neste sistema montañoso atopamos os Parques Naturais de Tamadaba (visita obrigada!!!) e Caldera Pilancones, ademais do Parque Rural Roque Nublo e a Reserva Integral de Inagua (onde se atopa o 90% das 100 parellas de Pinzón azul de Gran Canaria, as outras dez parellas están no Piñeiral de Tamadaba).





No ano 2007 unha alta porcentaxe deste piñeiral foi arrasado por un macro incendio, que eliminou o pouco substrato arbustivo deste bosque de coníferas, dándolle un aspecto aínda máis desértico. Na fotografía superior observamos unha das características máis salientables do Piñeiro canario, a súa capacidade de xurdir das súas cinzas… Tal Ave fénix (unha adaptación perfecta nestas zonas volcánicas).



O Parque Natural de Tamadaba é simplemente indescritible, visita obrigada para calquera amante da natureza. Paisaxes espectaculares que mesturan zonas de montaña con costas abruptas (cantís con 900 metros de desnivel!!!). Santuario da biodiversidade canaria e paradigma da conservación dos seus valores biolóxicos, polo menos despois da década dos 60, anteriormente a gardería forestal perseguía e ANIQUILABA a todo Pinzón azul, pois este paxaro acababa coas sementes de Piñeiro que se utilizaban para as repoboacións forestais…



Mención aparte merece a Reserva Integral de Inagua, reduto do Pinzón azul, coa mellor representación do piñeiral Canario. Durante os últimos tres días de estancia na Illa recorrín esta paraxe nun dos seus múltiples sendeiros (a reserva ten acceso libre permitido) dende o pobo de El Juncal ata a Montaña de Sándara (onde observei o Pinzón azul, pero isto déixoo para a próxima entrada…) pasando polo Morro de Pajonales.



Na segunda entrada desta viaxe a Gran Canaria tratarei a fauna observada (especialmente as 45 especies de aves) así como, o Cardonal-Tabaibal da zona baixa da Illa.


Un saúdo.