16.11.09

Cando o vento sopra…


Estes últimos días con ventos fortes do sur, encheron as praias do interior das rías (ría de Vigo e ría de Aldán) de Gaivota escura (Larus fuscus), destacando a concentración de 450 exemplares na praia de San Cibrán o día 13 (Antonio Fernández). Ese mesmo día en Punta Balea, tamén unha alta concentración de fuscus, sobre 200 (unha cifra moi elevada para este tramo de costa…). Nestes bandos de láridos, tamén destacaban o número de Gaivota arxéntea (Larus argentatus) (uns 5 “contactos”, algúns exemplares “sospeitosos” de ser observados máis dunha vez…), Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) (só na praia de A Xunqueira contabilizáronse 65 exemplares, no resto de praias en número variable, pero sempre presente) e Gaivota cana (Larus canus) (polo menos, dous exemplares de 1º inverno na praia de San Cibrán).


Na imaxe superior, unha instantánea de Punta Balea a tarde do 13 de novembro, en pleno temporal de vento…



Con este panorama, tocaba agudizar o inxenio, os coches servían de parapeto contra o vento extremo, e os portais dos edificios como abrigo contra as abundantes choivas…



Algunhas Gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) decidiron que a mellor forma de “capear” o temporal era ao resgardo dos edificios do casco urbano de Cangas. Nesta imaxe, 0;V[ZBDN]↓ /0;α Patiamarela adulta. Anelada en xullo do ano 2001 en Monte Agudo, Illas Cíes por Rafael Costas e Alberto Pastoriza Barreiro (ANDURIÑA). Residente habitual da Ría de Vigo.



Esta “enorme” Gaivota patiamarela (Larus michahellis) adulta, da subespecie “michahellis”, observada en San Cibrán (0;V[PCHW]↓/0;α), probablemente anelada polo ICO en Tarragona (Spain).



Na imaxe superior 0;V[ZCPR]↓/0;α observada na praia de San Cibrán. Exemplar adulto. Anelada por Jorge Mouriño (ARCEA).



Outra Gaivota patiamarela (Larus michahellis), de 1º inverno, observada en Punta dos Castros (Cangas, Pontevedra) por Antonio Fernández, con codificación de aneis α;0/0;B[92CH]↑, probablemente anelada en Gloucester por Sanders J.



0;N[038M]↓/0;α Patiamarela de 2º inverno en Punta Balea, anelada por Francisco Docampo.



Gaivota escura (Larus fuscus) 1º inverno, 0;α/0;AZ[L.VAM]↑, observada en San Cibrán. Posiblemente anelada por Eric Stienen (Bélxica/Belgium).



Nesta instantánea, Gaivota escura (Larus fuscus) adulta, R[C8]↑;0/α;0, probablemente anelada por Roland Jan Buijs (Holanda/Nederland).



Por último un dos adultos (posible 4º inverno) de Gaivota arxéntea (Larus argentatus) observado en Punta Balea.


Un saúdo.

7.11.09

Un Virapedras sueco en Gran Canaria


Outro historial interesante chegou as miñas mans estes días, o Virapedras (Arenaria interpres) observado en Arinaga, na Illa de Gran Canaria, con anela de Suecia. Na imaxe superior, collido “infraganti” mentres se coidaba a plumaxe entre uns Pilros Tridáctilos (Calidris alba).



Probablemente é a miña lectura dunha ave marcada, con máis quilómetros recorridos dende a súa localidade de anelamento á localidade de observación, uns 4.029 Km.



Detalle do traxecto dende Ottenby, Oland (SWEDEN-SUECIA) onde foi anelada en xullo do ano 2007 ata a localidade de Arinaga, Gran Canaria (SPAIN-ESPAÑA), lugar da miña observación (22/02/2009).


Un “paseillo” se temos en conta que moitos exemplares realizan traxectos de 15.000 Km. (30.000 Km. ida e volta todos os anos!!!) dende os seu cuarteis de cría noÁrtico circumpolar ata as súa localidades de invernada en África.


Un saúdo.

30.10.09

Med Gull con denominación de orixe (Mediterránea 100%)


Outro historial interesante de Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus). Esta vez un exemplar en plumaxe de 1º inverno e con anela plástica negra (codificación de aneis: 0; 0/α;N[4034]↑) observada na praia da Xunqueira, Moaña, Pontevedra en abril deste ano.



Cun recorrido de 2.600 quilómetros dende a localidade de Axios delta, Makedhonia (Grecia/GREECE) onde foi anelado en xullo do ano 2008, ata a zona intermareal da Xunqueira (ría de Vigo).


Un saúdo.



29.10.09

Мед Чайка українську землю


Nada máis representativo que un título en alfabeto cirílico, para presentar o seguinte historial dunha Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) en plumaxe de 2º inverno e con anela plástica negra (codificación de aneis: 0;N[UK50]↑/0;α) observada na Foz do río Miñor, Baiona, Pontevedra ó pasado 25/07/2008 (non é unha errata, entre que tardei en tramitala e que o coordinador tamén tardou en contestar un chisco, pasou máis de un ano…).



Este exemplar recorreu 3.258 quilómetros (desgraciadamente non teño ningunha fotografía…) dende a localidade de Babin Island, Tendrovski Bay, Kherson region, (Ucraína/UKRAINE) onde foi anelado en xullo do ano 2007 por Antonina Rudenko e Tatiana Ardamatskaya ata a costa pontevedresa.


Recordar que os cálculos de distancia realízanse en liña recta dende o punto de anelamento ata o punto de observación. A chegada de aves de Ucraína a Galicia puidera ter dúas vías, xa que se sabe dalgúns individuos que saen polo estreito de Gibraltar para invernar na costa atlántica ibérica (ruta duns 4.000 Km.), así como doutros exemplares que “ascenderían” polos grandes ríos europeos (Danubio e afluentes) ata as costas atlánticas (ruta duns 3.800 Km.) (Fernández Cordeiro A., Pastoriza Barreiro A. e Álvarez Graña D. 2003. Orixe da poboación de Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) en Galicia. En: Actas do V Congreso de Ornitoloxía (S. González, Coor.) Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago)


Aínda que semelle un caso único, nada máis lonxe da realidade, no blogue de Antonio Gutiérrez (melanocephalus) atopamos dous rexistros anteriores, sendo esta, a terceira observación dunha Gaivota cabecinegra de procedencia ucraniana en Galicia..


ACTUALIZACIÓN: Por cortesía de Juan Cabeza, este post ten unha fotografía da Gaivota cabecinegra con anel 0;N[UK50]↑/0;α. Juan observouna estes últimos días (15, 20, 27, e 28) en Boca do Río, Porto do Son, A Coruña. Aproveitar para reconocer publicamente, o enorme esforzo de campo que leva a cabo Juan na zona de Porto do Son, que tan boa información nós está a brindar sobre a fenoloxía da Gaivota patiamarela.



Un saúdo.

27.10.09

Unha viaxeira con acento inglés


Imaxe da nosa protagonista, Gaivota escura (Larus fuscus) adulta, levaba unha anela plástica (non se deixou fotografar fora da auga), coa seguinte codificación 0;AZ[DHC]↑/0;α. Anelada por Peter Stewart en Gloucester, Gloucestershire (Reino Unido/UK) en maio do ano 2008.



Desprazamento de 0;AZ[DHC]↑/0;α dende a súa localidade de anelamento en Reino Unido ata Figueira da Foz, Coimbra, Portugal (novembro 2008, H.V.) (trazo amarelo). Desprazamento dende Figueira da Foz ata Pinto, Madrid, Spain (xaneiro 2009, M.J.) e retorno á colonia de cría en Reino Unido (marzo 2009, J.D.S.), por último, movemento dende a colonia de cría ata a praia de San Cibrán (outubro 2009, A.P.B.) (trazo vermello). Sumando os quilómetros recorridos por esta Gaivota… (1395 Km + 447 Km. + 1285 Km. + 1158 Km.) obtemos unha nada desprezable suma de 4.285 Km.

Agora só queda agardar, que realice a mesma ruta que o inverno pasado, polo que deberemos estar atentos os compañeiros de Madrid (Miguel Juan, Juan Ruiz, Javier Marchamalo, Oscar Frías e Delfín González) e o seu blogue Madrid Gull Team.

Un saúdo.