martes, 1 de mayo de 2012

Os primeiros poliños de píllara das dunas do ano 2012 (Actualización 12/05)



O pasado día 30 de abril naceron na praia de Nerga, Cangas (Pontevedra) os primeiros poliños de píllara das dunas.


A situación da poboación da píllara das dunas en Galicia é bastante fráxil, cunha poboación reprodutora exigua estimada en 66-72 parellas (Figuerola, J. et al., en Libro rojo de las aves de España, 2004), o que provocou a súa inclusión como “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, Decreto 88/2007 do 19 de abril. A principal ameaza deste limícola é a forte presión que soporta o seu restrinxido hábitat de reprodución polos usos recreativos das praias na época primaveral e estival, as actuacións de mantemento das mesmas, así como a destrución da vexetación da duna (en especial a da primeira liña da praia).





Dende o ano 2005 temos constatado a presenza de exemplares desta píllara no areal de Nerga (O Morrazo). As observacións producíronse a partir de finais de abril, coincidindo co período reprodutor da especie (abril-xullo), obtendo rexistros de cría confirmada nos anos 2005 e 2008, ambos con resultado de abandono do niño, trala posta.

A píllara aniña en pequenas depresións da area na zona alta da praia, entre a ladeira do primeiro cordón da duna e o nivel do mar en preamar, faixa onde se acumula a máxima presión por molestias causadas pola afluencia de visitantes ao areal (bañistas, paseantes, …), especialmente nos períodos de preamar. Son principalmente estas molestias, así como a entrada no areal de visitantes con cans a causa do fracaso reprodutor desta especie no areal Nerga.


ACTUALIZACIÓN: Hoxe (12/05) publicamos a localidade de nidificación desta especie ameazada en O Morrazo, pois xa non existe risco para o niño nin para os poliños.

Agradecer a tódalas persoas que visitaron o areal de Nerga e atenderon as nosas explicacións evitando molestar a parella de píllara. ¡Gracias pola vosa comprensión e colaboración! Tamén agradecer ao Servicio de Conservación da Natureza de Pontevedra a súa implicación na custodia do niño e da parella de píllara.

Moitas grazas por todo!!

Un saúdo.

No hay comentarios: