domingo, 26 de julio de 2009

Gran Canaria, 2ª Parte: Cardonal-Tabaibal e aves


A zona de Cardonal-Tabaibal (0-800 m) cun estrato semidesértico formado por unha matogueira xerófila composta principalmente de especies do xénero Euphorbia é a zona con maior presión humana de toda a Illa, cidades, polígonos industrais e invernadoiros ocupan as poucas zonas de relevo suave. Destacar o Monumento natural de Arinaga con Punta Salinas, o Lugar de Interese Científico de Juncalillo del Sur e a Reserva Natural Especial das Dunas de Maspalomas.


O Espinocho (Limonium tuberculatum (Boiss.) O. Kuntze) é un curioso exemplo da representatividade da flora da Illa pola súa rocambolesca historia. Catalogada como En Perigo Crítico de Extinción, atópase en ecosistemas salinos e na beira de lagoas costeiras. En Maspalomas desapareceu no ano 1977, como non, pola “formidable” urbanización do litoral. Posteriormente foi reintroducida en 1999 a partir de sementes recollidas por dous botánicos dende 1959, e plantadas no Xardín Botánico Viera e Clavijo. Outro exemplo da riqueza botánica da Illa (con numerosos endemismos), é que das 30 áreas excepcionais para a flora ameazada do estado español, 6 áreas atopámolas aquí (ó 20%!!!!), Inagua, Barrancos de Moya y Valleseco, Cruz del Saucillo, Tamadaba, Roque de Amagro e Barranco de Guayadeque.



Unha panorámica do espazo natural “Dunas de Maspalomas”, onde observamos a lagoa litoral e a zona humanizada que acabou co Espinocho a finais dos anos 70.




O Monumento Natural de Arinaga é un magnifico lugar para observar o esquivo Trompeteiro (Bucanetes githagineus), así como contemplar o ecosistema semiárido máis característico da zona oriental de Gran Canaria.



O vertedoiro de Barranco Hondo era o único lugar adecuado para a observación de láridos. Sobre 400 exemplares de Gaivota patiamarela (Larus michahellis) e Gaivota escura (Larus fuscus) concentrábanse á espera da finalización do “tratamento” dos residuos sólidos urbanos.



Recorrendo os barrancos do sur, atoparédesvos coa realidade urbanística da Illa, novas urbanizacións “crecen” ladeira arriba a base de dinamita e poucos escrúpulos. Neste barranco, observei a bolboreta Monarca (Danaus plexippus) antes de que un garda de seguridade privado me invitase a marchar…

No concernente ás aves observei unhas 45 especies durante os 20 días de estancia na Illa. Anexo adxunto unha táboa coas especies observadas:






A zona máis interesante para observar limícolas foi o lugar de Punta Salinas, onde as Píldoras Cincentas, os Mazaricos Chiadores, os Virapedras, os Pilros Comúns e Pilros Tridáctilos facían un descanso no seu camiño os seus cuarteis de cría en Europa e América. Preto da costa, atópase unha salina tradicional onde aniñaban algunhas parellas de Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). E nos “cardonales” próximos, a figura dun Alcaraván (Burhinus oedicnemus) foi o máis salientable na terra do “Bisbita caminero” (Anthus berthelotii) e a Calandriña das Marismas (Calandrella rufescens).




Un dos Virapedras de Punta Salinas, estaba marcado cunha anela metálica de Suecia coa numeración 4562337.












Na miña visita á Reserva Integral de Inagua e entre unha relativa abundancia de Ferreiriño Azul (Parus caeruleus teneriffae) e Peto Real (Dendrocopos major thanneri) e a omnipresente presenza do “Bisbita caminero” (con diferenza a ave máis abundante da Illa, ocupando tódolos ecosistemas, un verdadeiro “multinichos ecolóxico” realizando a función dos seus cinco irmáns europeos), puiden recrearme na observación dunha parella de Pinzón azul (Fringilla teydea polatzeki) nunha zona de piñeiral maduro de Montaña de Sándara. A femia estaba anelada con marcas de cor e unha anela metálica (aínda ando á procura de información concernente a este proxecto de marcaxe con aneis de cores…). Na imaxe superior un dos múltiples bebedeiros creados para o Pinzón azul, onde a observación é máis doada.




Para máis información da viaxe, non dubidedes en poñervos en contacto comigo mediante o meu correo electrónico (mapas, listaxes de lugares e especies…).

Un saúdo.


No hay comentarios: