martes, 21 de agosto de 2012

Recapturado un exemplar de Folosa dos xuncos (A. schoenobaenus) procedente de Reino Unido nos canaveirais do Ulla


O pasado día 20 de agosto foi capturado un exemplar de Folosa dos xuncos (Acrocephalus schoenobaenus) cun anel metálico con remite do British Museum-London (Reino Unido). O rexistro produciuse durante unha xornada de anelamento científico nos canaveirais do esteiro do río Ulla no concello de Dodro, provincia de A Coruña.


Exemplar de Folosa dos xuncos portador de anel metálico con remite British Museum-London.

O exemplar de Folosa dos xuncos portaba un anel coa inscrición: L 189 226 BRIT MUSEUM LONDON SW7. Durante o proceso de manipulación para o seu estudo chegouse á conclusión de que o exemplar era un adulto (código de idade EURING 4), observouse a presenza dunha placa incubatriz en regresión o que determinaría o sexo do exemplar como femenino.

Canaveirais do río Ulla no concello de Dodro.


Datos biométricos do exemplar:

Peteiro: 15,7 mm.
Cabeza: 31,7 mm.
Tarso: 20,0 mm.
Cola: 46,0 mm.
Á: 61,5 mm.
2ª Primaria: 3,15.
3ª Primaria: 48,0 mm.
Muda activa: Non.
Graxa: 1
Músculo: 2
Peso: 10,1 gramos.
Hora de captura: 08:30 hora solar.
Estado da ave ao ser liberada: En boas condicións.

Para máis información, ou calquera consulta contactade comigo no enderezo electrónico: albertopastoriza@hotmail.com

Un saúdo.


jueves, 7 de junio de 2012

Biodiversidade galega



Despois de meses de preparación sae o blog Biodiversidade galega, unha voz que pretende unir ao mundo naturalista en Galicia a partir da súa biodiversidade, unha ferramenta na rede capaz de artellar unha mancomunidade de afeccionados e expertos nas diferentes especies que habitan o territorio galego, para coñecela, difundila e protexela. É un primeiro paso onde todos os entusiastas da natureza e da biodiversidade podan ir dando a coñecer as noticias, imaxes, estudos, denuncias, sobre o estado actual da biodiversidade galega. Pero esperamos non quedarnos aquí. Este só será un pequeno paso como preludio dun grande portal galego da biodiversidade.


É por iso que necesitamos da túa axuda. Da axuda de todos. Por que queremos crear un portal onde centralizar toda a información biolóxica existente, recollendo noticias doutros blogs e medios de comunicación, realizando artigos descritivos e fichas de identificación, propoñendo traballos de campo e actividades, promovendo colaboracións e artellando unha base de dados á que calquera puidese ter acceso para os seus estudos. Son necesarias persoas expertas nos distintos apartados que abrangue a biodiversidade, persoas que dominen aspectos informáticos, lingüísticos, legais así como entusiastas da natureza para o mantemento xeral do proxecto. Necesitamos biólogos expertos nos distintos grupos animais e vexetais. Necesitamos naturalistas para facer saídas ao campo, artigos, fichas de identificación, deseños, fotografías, vídeos. Necesitamos persoas con coñecementos informáticos para levar un servidor e un portal web. Necesitamos blogueiros, deseñadores, fotógrafos e toda persoa que queira colaborar connosco neste grande proxecto.

Dende noiteneghra, un enorme agradecemento aos impulsores desta iniciativa!! Os meus parabéns!!

Un saúdo.