jueves, 8 de abril de 2010

Novo vertido de fuel na nosa costa



Novamente a nosa costa volve a sufrir un novo vertido de fuel-oil. Como nas outras múltiples ocasións, nunca chegaremos a saber o que se verteu, nin quen o derramou, nin sequera existirá un proceso de investigación para dirimir posibles responsables…


Dende o día 30 de marzo, levo observado un considerable número de exemplares de Gaivota escura (Larus fuscus) e Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) impregnados de fuel, a meirande parte deles con manchas pequenas, pero noutros casos, a gravidade é moito maior. En base os datos de mostraxe que manexo, o porcentaxe de exemplares afectados roldaría o 20-30% na Gaivota escura (Larus fuscus), e sobre o 10% na Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus). Déixovos cunhas fotografías de exemplares afectados:



Este exemplar adulto de Gaivota escura (Larus fuscus) foi observado na Foz do Miñor, Nigrán, o 30 de marzo. Pódese apreciar o alto grado de afección.



Outro exemplo, exemplar adulto de Gaivota escura (Larus fuscus) observado en A Xunqueira, Moaña, o 31 de marzo.



Tamén o 31 de marzo, estaba este exemplar anelado de Gaivota escura cunha mancha de fuel-oil nun dos seus costados.



Nesta imaxe, un exemplar de 1º inverno de Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) cunha mancha na zona do ventre.


Se desta desgraza se pode sacar algo en limpo, é que un grupo de ornitólogos galegos, son capaces de detectar a presenza de vertidos de fuel-oil no mar, con maior rapidez que tódolos equipos (avións, helicópteros, buques, etc) da administración autonómica e estatal. Para máis vergoña, fai uns días celebrábase un simulacro na ría de Vigo

Un saúdo.

2 comentarios:

yoli dijo...

Ola Alberto,alegrome que xente coma tí vixíe o noso entorno.Unhas preguntiñas ¿estas gaivotas poideron contaminarse noutra costa que non sexa a Galega ?.¿Facedes algo con estas gaivotas? Refirome a si se lle quita o chapapote etc....
Yoli

albertopastoriza dijo...

Ola Yoli:

Onte lle comentaba a Antonio Gutierrez (escribe un interesantísimo blogue, "Gaviotas y anillas", podes atopar un enlace o seu blogue na columna lateral)que, por aquí (Ría de Vigo) só observei Gaivotas escuras e Gaviotas cabecinegras (dúas especies migradoras) impregnadas de fuel, mentres que as Gaivotas patiamrelas (que son máis sedentarias) semella que non están afectadas. Isto podería indicar que a mancha ou manchas de fuel non están localizadas frente á costa sur de Pontevedra, pois sería moi estrano que non afectase ás Patiamarelas residentes (cunha poboación moito maior que as anteriormente citadas) e sí os láridos en migración... En resumen, si poden contaminarse noutra costa e chegar aquí afectadas.

No referente á pregunta de que facemos coas Gaivotas petroleadas, decirche que normalmente estes exemplares non perden a capadidade de voo, polo que a súa captura é imposible, salvo os casos extremos de exemplares moribundos. Por experiencias anteriores (accidente Prestige) sabemos que un porcentaxe indeterminado de individuos recupéranse (estou falando de Gaivotas), son capaces de sobrevivir, pero existen estudos científicos que demostran que as poboacións de aves afectadas por mareas negras asimilan os hidrocarburos no seu organismo, afectando o seu material xenético...

Un saúdo.