
Novamente a nosa costa volve a sufrir un novo vertido de fuel-oil. Como nas outras múltiples ocasións, nunca chegaremos a saber o que se verteu, nin quen o derramou, nin sequera existirá un proceso de investigación para dirimir posibles responsables…
Dende o día 30 de marzo, levo observado un considerable número de exemplares de Gaivota escura (Larus fuscus) e Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) impregnados de fuel, a meirande parte deles con manchas pequenas, pero noutros casos, a gravidade é moito maior. En base os datos de mostraxe que manexo, o porcentaxe de exemplares afectados roldaría o 20-30% na Gaivota escura (Larus fuscus), e sobre o 10% na Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus). Déixovos cunhas fotografías de exemplares afectados:
Este exemplar adulto de Gaivota escura (Larus fuscus) foi observado na Foz do Miñor, Nigrán, o 30 de marzo. Pódese apreciar o alto grado de afección.

Outro exemplo, exemplar adulto de Gaivota escura (Larus fuscus) observado en A Xunqueira, Moaña, o 31 de marzo.

Tamén o 31 de marzo, estaba este exemplar anelado de Gaivota escura cunha mancha de fuel-oil nun dos seus costados.

Nesta imaxe, un exemplar de 1º inverno de Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) cunha mancha na zona do ventre.
Se desta desgraza se pode sacar algo en limpo, é que un grupo de ornitólogos galegos, son capaces de detectar a presenza de vertidos de fuel-oil no mar, con maior rapidez que tódolos equipos (avións, helicópteros, buques, etc) da administración autonómica e estatal. Para máis vergoña, fai uns días celebrábase un simulacro na ría de Vigo…
Un saúdo.